Actividades

"A familia unida", de Títeres Mircromina, este sábado, 1 de decembro, na Casa-Museo Manuel María

A peza programada encádrase dentro do programa de teatro profesional PROSCENIO da Deputación de Lugo

Este sábado, 1 de decembro, a Casa-Museo Manuel María programa, ás 18 hrs, “A familia unida”, unha peza levada a escea por Títeres Mircromina.
 
“A familia unida”, de 50 minutos de duración, é un clásico de luva libre e desenfadada, chea de ritmos, xogos e cachiporra, que se mira na tradición Pulcinela, Bululú e Punch. A sipnose sinala que André, o presidente, propietario e presentador do espectáculo busca empregado. A quen non lle interesa un bo traballo , unha colocación de por vida para un emprendedor coas mellores condicións de traballo posíbeis? Cromina, despois de ser pai, enfronta a súa natureza casual e festeira á responsabilidade e seriedade das circunstancias a través de clásicos como a autoridade, a paternidade, o dragón e até enfrontarse á propia morte.
 
A obra programada encádrase dentro do programa de teatro profesional PROSCENIO que impulsa a área de Cultura da Deputación de Lugo para contribuír á difusión do teatro na súa vertente profesional en entidades municipais e culturais da provincia, así como potenciar a actividade cultural.
 
A entrada é libre (para todos os públicos a partir dos 4 anos) até encher o aforo mais as persoas interesadas en asistiren deben facer a reserva previamente en contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou chamando ao teléfono 698177621.